Thursday 09 de May de 2024

O PSOE de Santiago mobilízase en apoio a Pedro Sánchez e “contra as accións xudiciais infundadas, as malas prácticas e a mala política”


Arredor dun centenar de militantes e simpatizantes concentráronse fronte a Casa do Pobo de Compostela para amosar o seu apoio “rotundo, absoluto e sen fisuras” ao presidente do Goberno

“Nós temos claro que si paga a pena seguir facendo unha España plural e diversa, ampliando os dereitos e liberdades da cidadanía do noso país” defenderon no manifesto ao que se lle deu lectura durante a concentración

Máis dun centenar de militantes e simpatizantes concentráronse na mañá do sábado ás portas da Casa do Pobo dos socialistas de Compostela para ratificar un apoio “rotundo, absoluto e sen fisuras” ao presidente do goberno, Pedro Sánchez, na mesma semana na que fixo pública unha carta coa que abría un período de reflexión sobre a súa continuidade no cargo. Desde o PSOE da cidade teñen claro que si, “que paga a pena que Pedro Sánchez siga sendo presidente do Goberno”.

No manifesto ao que deron lectura a oito voces, defenderon os socialistas que “paga a pensa seguir facendo unha España plural e diversa, ampliando dereitos e liberdades da cidadanía do noso país”. Un manifesto ao que comezou dando lectura o Secretario Xeral na cidade, Aitor Bouza, que denunciou o “acoso, os ataques e as descualificacións” que os socialistas, asegura, “levamos sufrindo durante meses”. Lembra, por exemplo, os ataques ás sedes socialistas en diferentes cidades, pero poñendo o foco tamén nos “insultos e bulos que pretenden destruír a nosa moral como socialistas” e, engade, “instaurar na cidadanía unha fartura xeralizada da política”.

Tamén o alcalde de Ames, Blas García, sumouse ao escrito chamando a atención en que “a principal diana deses ataques totalmente reprobables foi o noso presidente”. Neste sentido, o portavoz municipal do PSOE en Santiago, Gonzalo Muíños, advertiu da “escalada deses ataques” nos últimos meses. Uns ataques que cualificou de “política pero, sobre todo, humanamente insoportables”.

“Como socialistas non podemos ficar á marxe nin calados ante esta situación totalmente inxusta e inmoral” asegurou o coordinador comarcal do PSdeG, Antonio Leira que fixo un chamamento a non tolerar “que se pretenda cambiar a vontade democrática da cidadanía do noso país con accións xudiciais infundadas”.

O alcalde de Negreira ratificou estas palabras, insistindo en que a política “non se pode converter nun lameiro de batalla”, senón que ten que ser un “lugar de encontro para a construción dunha sociedade democrática e igualitaria para toda a cidadanía”. Anxo Leis asegurou que a postura dos socialistas está “coa democracia, a convivencia e o progreso”.

“Paga a pena que Pedro Sánchez siga sendo o presidente do Goberno”

Respondendo á pregunta que se facía Sánchez na misiva que lanzaba a toda a cidadanía o pasado mércores, Jimena Siera aseguraba que “paga a pena seguir defendendo a todas as mulleres e homes que precisan da política para vivir en dignidade”. A secretaria de Organización das Xuventudes Socialistas de Galicia defendeu así a xestión do presidente do goberno asegurando que “si paga a pena que Pedro Sánchez siga sendo o noso presidente”.

Defendendo a súa continuidade no cargo, a concelleira de Educación e Mocidade de Ames, Carmen Porto, asegurou que “non podemos permitir que as malas artes, as malas prácticas, as malas persoas e a mala política triunfen”. Porto avogou por rebelarse ante “esta forma de facer política da dereita do noso país” rematando con un “non vencerán”.

A encargada de rematar a lectura do manifesto en apoio de Pedro Sánchez e en defensa da democracia foi a vicesecretaria xeral do PSOE en Compostela, Marta Santullano, que ratificou o “apoio rotundo, absoluto e sen fisuras” do partido a Sánchez: “estamos contigo, Pedro”.

Na concentración participaron tamén outros cargos orgánicos do partido, o propio Delegado do Goberno, Pedro Blanco, así como concelleiras e concelleiros do PSOE de Santiago e comarca.

Deja un comentario